Información sobre ATEL
Aquí podes atopar información detallada sobre o funcionamento da nosa academia e os requisitos e probas necesarias para acceder á oposición para Policía Local en Galicia
Como Policía Local poderás
- Facilitar a mobilidade persoal e de vehículos mediante a regulación e o control do tráfico e a través de iniciativas para compatibilizar o tránsito de peóns e de vehículos.
- Auxiliar as persoas implicadas nos accidentes de tráfico, asesoralas respecto os seus dereitos e investigar as causas dos accidentes e determinar as responsabilidades dos implicados.
- Realizar controis de tráfico, especialmente os adicados a previr o consumo de alcol e de drogas na conducción a través das correspondentes probas con etilómetros e aparellos de detección de drogas no organismo.
- Colaborar no mantemento da seguridade cidadán, tanto de forma preventiva como represiva.
- Controlar as actividades que perxudiquen o medio ambiente.
- Facer cumplir a normativa sobre espectáculos e actividades recreativas controlando os locais de lecer para una boa convivencia cos vecinos onde estean situados estos locais, velando, ademáis, pola paz pública.
- Colaborar coas vítimas da violencia de xénero dándolles asesoramento e protección en caso necesario.
Máis sobre academia ATEL
Conoce cómo traballamos para lograr que os nosos alumnos aproben a oposición de Policías Local en Galicia
Profesor
A preparación das oposicións á Policía Local está a cargo dun profesional da Policía Local con 30 anos de experiencia na preparación destas oposicións, acadando un gran número de aprobados, especialmente na comarca de Santiago de Compostela, se ben os nosos alumnos se reparten nos Corpos de Policía Local de todo o territorio de Galicia.
Material
O material que utilizamos é de producción propia, tanto o temario como os test, dos que temos gran variedade, xa que contamos con máis de 30.000 preguntas distribuidas en test por temas, test por bloques de repaso e test de exames.
Metodoloxía
Impartimos unha ensinanza amena e dinámica de probada eficacia, conseguindo que os alumnos participen activamente nas clases e centrándonos no que a nosa amplia experiencia nos indica que é o máis importante de cada tema.
REQUISITOS DAS PERSOAS ASPIRANTES Ó INGRESO NOS CORPOS DE POLICÍA LOCAL DE GALICIA
As persoas interesadas en participar no proceso deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter ata a toma de posesión como persoal funcionario os seguintes requisitos:
a) Ter a nacionalidade española.
b) Ter feito os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, a idade de xubilación forzosa.
c) Estar en posesión do título oficial de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.
d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.
e) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario de que a persoa fose separada ou inhabilitada.
f) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.
g) Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B.
h) Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, se é o caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidas.
EXERCICIOS DA OPOSICIÓN PARA O INGRESO NOS CORPOS DE POLICÍA LOCAL DE GALICIA
1. PRIMEIRO EXERCICIO: PROBA DE AVALIACIÓN DOS COÑECEMENTOS.
Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 100 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas cada unha, que serán propostas polo tribunal e deberán amosar o dominio dos contidos do temario que figura como anexo IV desta orde.
Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do temario que no momento de publicación no DOG desta convocatoria conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior. Esta mesma data terase en conta igualmente para todos aqueles datos do temario que se poidan valorar.
As persoas aspirantes disporán dun tempo máximo de dúas horas para a súa realización.
O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que esta proba sexa corrixida sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. Cando finalice, entregarase a cada aspirante a folla autocopiativa do seu exame. O modelo de corrección coas respostas correctas publicarase no mesmo lugar en que se realizou e no portal web da Agasp.
O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.
As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberanse adoptar sen coñecer a identidade das persoas aspirantes a que corresponden os resultados obtidos.
A proba será cualificada polo tribunal de cero a dez puntos e será preciso acadar cinco puntos como mínimo. A cualificación farase atendendo á seguinte fórmula:
N=(A-F/3)/10 Onde N= nota final da proba; A=cuestións acertadas; F=cuestións erradas ou non contestadas.
Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización da proba, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nestas bases.
2. SEGUNDO EXERCICIO: PROBA DE AVALIACIÓN DO COÑECEMENTO DA LINGUA GALEGA.
Realizarase a continuación da proba de coñecementos, e consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego e doutro texto do galego para o castelán. Os textos serán elixidos polo tribunal inmediatamente antes de realizarse a proba.
O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.
O exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a.
As persoas aspirantes que estean en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), estarán exentas da realización desta proba.
3. TERCEIRO EXERCICIO: PROBAS DE APTITUDE FÍSICA.
Este terceiro exercicio consistirá na realización de todas as probas físicas que se indican a continuación.
1. Probas físicas.
As probas de aptitude física terán a cualificación de apto/a ou non apto/a. Para obter a cualificación de apto é necesario non superar as marcas establecidas como máximas para as probas 1.1, 1.4 e 1.5, e acadar ou superar os mínimos das probas 1.2. e 1.3. Os exercicios realizaranse pola orde en que están relacionados e cada un é eliminatorio para realizar o seguinte.
As persoas aspirantes entregaranlle ao tribunal un informe médico en que se faga constar expresamente que a persoa aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias para a realización dos exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicta no certificado médico.
Este informe médico deberá ser expedido dentro dos quince (15) días inmediatamente anteriores ao da data de realización da primeira proba de aptitude física.
Establécense diferentes marcas para cada sexo. As probas realizaranse de forma individual, agás as de velocidade, resistencia xeral e natación, que se poderán facer de forma colectiva se así o considera o tribunal cualificador. Nas probas de resistencia xeral e natación disponse dunha soa posibilidade de execución; no resto permitirase unha segunda realización cando na primeira non se obteña a cualificación de apto/a.
O desenvolvemento de cada unha das probas físicas deberase realizar en lugares axeitados ao tipo de proba que se vai executar. En todas as probas deberase empregar un sistema de medición que garanta a exactitude e certeza das marcas individuais obtidas por cada opositor/a.
1.1. Proba de velocidade: carreira de 50 metros lisos.
Realizarase nunha pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chá de terreo compacto.
A persoa aspirante colocarase na pista no lugar sinalado e poderá realizar a saída de pé ou agachada, sen utilizar tacos de saída.
As marcas máximas (en segundos) exixidas para a superación da proba son:
Homes: 7.40”
Mulleres: 8.20”
1.2. Proba de potencia de tren superior: os homes realizarán flexións de brazos e as mulleres suspensión en barra.
1.2.1. Flexións de brazos. Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.
Iniciarase desde a posición de suspensión pura, agarrando a barra coas palmas das mans núas, á fronte, e cos brazos totalmente estendidos. A flexión completa realizarase de maneira que o queixo asome por riba da barra. Antes de iniciar outra nova flexión será necesario estender totalmente os brazos. Non se permite o balanceo do corpo ou a axuda con movementos das pernas, e efectuaranse de forma continuada. Contaranse soamente as flexións completas e realizadas correctamente. O número mínimo exixible é de 10 flexións.
1.2.2. Suspensión en barra. Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.
O exercicio consiste en permanecer, o maior tempo posible, na posición que se describe: brazos flexionados, presa coas palmas da man cara atrás, pernas completamente estendidas e sen tocar o chan, queixo situado por riba da barra e sen ter contacto con ela.
O tempo mínimo exixido para a superación da proba é de 52 segundos.
1.3. Proba de potencia de tren inferior: salto horizontal.
Realizarase en ximnasio ou campo de deportes, con chan horizontal e coa superficie adecuada para efectuar a medición das marcas.
A persoa aspirante colocarase de pé detrás dunha liña sen pisala, cos pés separados, paralelos entre si e á mesma altura (realizarase o salto desde a posición de parado). Realizará un salto horizontal e caerá cos dous pés ao chan. Medirase a distancia entre a liña de saída ata a marca do apoio de caída máis próximo á liña.
As marcas mínimas exixidas (en centímetros) para a superación da proba son:
Homes: 210 cm.
Mulleres: 185 cm.
1.4. Proba de resistencia xeral: carreira de 1.000 metros lisos.
Realizarase en pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chá de terreo compacto. A persoa aspirante colocarase na pista no lugar indicado. A saída realizarase en pé. Será eliminado o corredor que abandone a pista durante a carreira.
As marcas máximas (en minutos e segundos) exixidas para a superación da proba son:
Homes: 3’30”
Mulleres: 4’10”
1.5. Proba de natación: 25 metros estilo libre.
Realizarase nunha piscina que permita efectuar o percorrido sen facer viraxes. A persoa aspirante poderase colocar para a saída, ben sobre a plataforma, ben no bordo da piscina, ou ben no interior do vaso, e neste último caso deberá permanecer en contacto co bordo da saída. Unha vez que se dea o sinal de saída, as persoas aspirantes, ben en mergullo ou por impulsión sobre a parede, segundo a situación de partida adoptada, iniciarán a proba empregando calquera estilo para a súa progresión.
As marcas máximas (en segundos) para a superación da proba son:
Homes: 0’24”
Mulleres: 0’28”
A non superación de calquera das probas na forma indicada dará lugar á eliminación da persoa aspirante. As persoas aspirantes deberanse presentar á realización das probas coa roupa e co calzado que consideren adecuados e cun informe médico expedido dentro dos quince (15) días inmediatamente anteriores ao da data de realización da primeira proba deste exercicio. A non presentación do dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso.
Para a proba de natación, as persoas aspirantes utilizarán traxes de baño (que achegarán elas mesmas) e do modelo que desexen. Queda prohibida a utilización de traxes de neopreno ou similares e axudas para a flotabilidade e/ou o incremento da velocidade de calquera tipo.
4. CUARTO EXERCICIO: PROBAS PSICOTÉCNICAS.
Estas probas están dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais das persoas aspirantes e a súa adecuación ás funcións policiais que deberán desempeñar, e comprobarán que presentan un perfil psicolóxico axeitado.
Terán que ser efectuadas e valoradas por persoal especialista e cualificaranse como apto/a ou non apto/a. Para superalas será necesario obter o resultado de apto/a no conxunto das probas realizadas.
a) Proba de intelixencia. Realizarase unha valoración do nivel intelectual e doutras aptitudes específicas, explorando todos ou algúns dos seguintes factores: intelixencia xeral, comprensión e fluidez verbal, comprensión de ordes, razoamento cognitivo, atención discriminativa e resistencia á fatiga intelectual.
b) Probas de personalidade. As probas orientaranse á avaliación dos trazos de personalidade máis significativos e relevantes para o desempeño da función policial, así como o grao de adaptación persoal e social das persoas aspirantes. Así mesmo, deberase descartar a existencia de síntomas ou trastornos psicopatolóxicos e/ou de personalidade. Entre outros, exploraranse os seguintes aspectos: estabilidade emocional, autoconfianza, capacidade empática e interese polos demais, habilidades interpersoais, control adecuado da impulsividade, axuste persoal e social, capacidade de adaptación ás normas, capacidade de afrontar o estrés e motivación polo traballo policial.
Os resultados obtidos nas dúas probas anteriores serán contrastados mediante unha proba individual que consistirá na contestación a un cuestionario formulado verbalmente, coa finalidade de valorar tamén o estado psicolóxico das persoas aspirantes.
Á parte das características de personalidade sinaladas anteriormente, exploraranse ademais os seguintes aspectos: existencia de niveis disfuncionais de estrés ou de trastornos do estado de ánimo; problemas de saúde; consumo excesivo ou de risco de alcohol ou outros tóxicos, e grao de medicación; expectativas respecto da función policial.
5. QUINTO EXERCICIO: RECOÑECEMENTO MÉDICO.
O recoñecemento médico será efectuado por persoal facultativo e o seu fin é garantir que as persoas aspirantes estean en condicións idóneas para o exercicio das funcións policiais propias do posto de traballo.
Cualificarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a.
Para os efectos da exclusión da persoa aspirante, terase en conta o seguinte:
a) Obesidade-delgadeza. Obesidade ou delgadeza manifestas que dificulten ou incapaciten para o exercicio das funcións propias do cargo. Índice de masa corporal (IMC) non inferior a 18,5 nin superior a 29,9, considerando o IMC como a relación resultante de dividir o peso da persoa expresado en quilos polo cadrado da estatura expresada en metros.
b) Calquera enfermidade, padecemento ou alteración de carácter físico, psíquico ou sensorial que, ao xuízo dos facultativos médicos, impida, limite ou dificulte o exercicio das funcións policiais.
Para os diagnósticos establecidos neste anexo teranse en conta os criterios das sociedades médicas das especialidades correspondentes; en todo caso, coa publicación da data e do lugar desta proba o tribunal publicará o cadro de exclusións médicas que se vai aplicar.
As exclusións garantiranse coas probas complementarias necesarias para o diagnóstico.
Ingreso na categoría de Policía: Temario
1. O Estado. Concepto. Elementos. A división de poderes. Funcións. Organización do Estado español. Antecedentes constitucionais en España. A Constitución española de 1978. Estrutura e contido. A reforma da Constitución española. O Estado español como Estado social e democrático de dereito. Dereitos e deberes constitucionais; clasificación e diferenciación.
2. Dereitos fundamentais e liberdades públicas I: dereito á vida e integridade. Liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto. Dereito á liberdade e seguridade. Dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. A inviolabilidade do domicilio e o segredo das comunicacións. A liberdade de residencia e de circulación. O dereito á liberdade de expresión recoñecido no artigo 20 da Constitución.
3. Dereitos fundamentais e liberdades públicas II: dereito de reunión. Dereito de asociación. Dereito á participación nos asuntos públicos e ao acceso a funcións e cargos públicos. A tutela xudicial efectiva e a prohibición de indefensión. A imposición de condena ou sanción do artigo 25 da Constitución, sentido das penas e medidas de seguridade. Prohibición de tribunais de honra. O dereito á educación e á liberdade de ensino. Dereito á sindicación e á folga, especial referencia aos membros das forzas e corpos de seguridade. Dereito de petición.
4. Dereitos e deberes dos cidadáns. Os principios reitores da política social e económica. As garantías dos dereitos e liberdades. Suspensión xeral e individual destes. O Defensor do Pobo.
5. A Coroa. As Cortes Xerais. Estrutura e competencias. Procedemento de elaboración das leis. Formas de goberno. O Goberno e a Administración. Relacións do Goberno coas Cortes Xerais. Funcións do Goberno.
6. O Poder Xudicial. Principios constitucionais. Estrutura e organización do sistema xudicial español. O Tribunal Constitucional.
7. Organización territorial do Estado. As comunidades autónomas. O Estatuto de autonomía de Galicia. Estrutura e disposicións xerais. Institucións: Parlamento. Presidente e Consello de Goberno. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Valedor do Pobo.
8. Relación da Xunta de Galicia coa Administración do Estado e con outras comunidades autónomas. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. A reforma do Estatuto de autonomía de Galicia.
9. O dereito administrativo. Fontes e xerarquía das normas.
10. O acto administrativo. Concepto. Elementos. Clases. A validez dos actos administrativos; nulidade e anulabilidade. Notificación de actos administrativos. Cómputo de prazos. Recursos administrativos. Alzada e reposición; o recurso extraordinario de revisión.
11. O procedemento administrativo. Concepto e principios xerais. Clases. Os interesados. A estrutura do procedemento administrativo.
12. O réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica. Tipos de entidades locais.
13. O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A provincia: concepto, elementos e competencias. A organización e o funcionamento do municipio. O Pleno. O alcalde. A Xunta de Goberno local. Outros órganos municipais.
14. Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación.
15. A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.
16. Función pública local. A súa organización. Adquisición e perda da condición de funcionario. Dereitos, deberes e incompatibilidades dos funcionarios. Situacións administrativas.
17. Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade. Funcións da policía local.
18. Lei de coordinación das policías locais de Galicia e normas de desenvolvemento. Réxime disciplinario: disposicións xerais e faltas disciplinarias.
19. A actividade da policía local como policía administrativa I: consumo. Abastos. Mercados. Venda ambulante. Espectáculos e establecementos públicos.
20. A actividade da policía local como policía administrativa II: urbanismo. Infraccións e sancións. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.
21. A Lei de emerxencias de Galicia: aspectos fundamentais.
22. Delitos e delitos leves. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autores e cómplices. Graos de perfección do delito.
23. Delitos cometidos con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas garantidos pola Constitución. Delitos cometidos polos funcionarios públicos contra as garantías constitucionais.
24. Delitos contra a Administración pública. Atentados contra a autoridade e os seus axentes. Desordes públicas.
25. Homicidio e as súas formas. Delitos leves contra as persoas. Delitos e delitos leves contra o patrimonio e a orde socioeconómica.
26. Delitos contra a seguridade viaria. Delitos leves cometidos con ocasión da circulación de vehículos de motor. Lesións e danos imprudentes.
27. O atestado policial na Lei de axuizamento criminal. Concepto e estrutura.
28. Detención: concepto, clases e supostos. Prazos de detención. Obrigas do funcionario que efectúa unha detención. Contido da asistencia letrada. Dereito do detido. Responsabilidades penais en que pode incorrer o funcionario que efectúa unha detención. O procedemento de habeas corpus.
29. Lei de seguridade viaria. Regulamentos de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.
30. Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, prioridade de paso, cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Parada e estacionamento. Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguridade.
31. Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia. Sinais de circulación. Clasificación e orde de prioridade.
32. Procedemento sancionador por infraccións á normativa de circulación. Actuacións complementarias. Inmobilización e retirada de vehículos da vía pública. Carencia do seguro obrigatorio.
33. Accidentes de circulación: definición, tipos e actuacións da policía local. Alcoholemia. Datos. A súa consideración segundo a normativa vixente. Procedemento de indagación do grao de impregnación alcohólica.
34. Estrutura económica e social de Galicia: demografía, economía, servizos públicos, sociedade civil, novas tecnoloxías, patrimonio ecolóxico, social e cultural.
35. Vida en sociedade. Proceso de socialización. Formación de grupos sociais e masas. Procesos de exclusión e inclusión social. A delincuencia: tipoloxías e modelos explicativos.
36. Comunicación: elementos, redes, fluxos, obstáculos. Comunicación con superiores e compañeiros. Equipamentos de traballo e atención á cidadanía.
37. Minorías étnicas e culturais. Racismo e xenofobia. Actitude policial ante a sociedade intercultural.
38. Igualdade de oportunidades de homes e mulleres en Galicia: conceptos básicos; socialización e igualdade; políticas públicas de igualdade de xénero. Violencia contra as mulleres: descrición, plans de erradicación e atención coordinada ás vítimas.
39. A policía na sociedade democrática. O mandato constitucional. Valores que propugna a sociedade democrática. A dignidade da persoa. Sentido ético da prevención e a represión.
40. Deontoloxía policial. Normas que a establecen. A policía como servizo público.